visitas dende o 26 de fevreiro do 2007

29 may 2012

VOLUNTARIOS EUROPEOS DA MAREA BRANCA PARTICIPARAN O SABADO NA LIMPEZA DA RÍA PROMOVIDA POR ASOAR-ARMEGA

ASOAR-ARMEGA Voluntarios europeos da Marea Branca participarán das xornadas “Limpando as nosas rías” en Corcubión A Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar – Armega) organiza para o vindeiro sábado 2 de xuño a XIII xornada de “Limpando as nosas rías” un acto que terá continuidade pola tarde cun novo encontro do voluntariado do Prestige co que colabora o proxecto “Galicia en color – Rede de reencontros 10 anos despois” promovido pola Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM) Segundo o presidente de Asoar – Armega, Luís Rodríguez, “decidiuse unir as dúas iniciativas pola estreita vinculación que manteñen entre elas. As xornadas de limpeza xurdiron do legado medioambiental e solidario que deixou a Marea Branca, despois da catástrofe do Prestige.” O presidente da entidade salienta que “a participación nas xornadas é totalmente desinteresada e altruísta, na que se implica o sector pesqueiro e voluntarios concienciados que colaboran poñendo a disposición o seu tempo libre, e medios materiais como o son as embarcacións e equipos de mergullo.” PROGRAMA DA XORNADA DE LIMPEZA A xornada de limpeza ven enmarcada dentro do proxecto “Limpando as nosas rías” que a Entidade ven levando a cabo dende o ano 2007, e que nesta ocasión está cofinanciado pola fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio de Agricultura y Medioambiente, colaborando ademais no seu patrocinio Ferroatlántica e o Concello de Corcubión. A actividade comezará no porto de Corcubión ao redor das 10:00 da mañá onde se repartirán as tarefas das embarcacións, mergulladores e voluntarios que traballen en terra. 11:30 (hora estimada) procederase as tarefas de descarga e clasificación dos residuos extraídos. Actividades de educación ambiental Taller de identificación e recuperación das especies mariñas adheridas aos residuos. Divulgación dos resultados obtidos en outras xornadas de limpeza. 13:30: Devolución das especies mariñas recuperadas ao seu hábitat natural 14:00: Xantar O presidente de Asoar – Armega confirma que nas xornadas participarán seis embarcacións de pesca artesanal e catorce mergulladores, ademais dos voluntarios e voluntarias que traballen no porto, “entre os que se atoparán os integrantes da Marea Branca, que chegarán dende distintas partes de España e procedentes de diversos países de Europa, para reencontrarse cos seus compañeiros e analizar a situación actual”. REENCONTRO DO VOLUNTARIADO DA MAREA BRANCA Durante o 2012 conmemorase o décimo aniversario do afundimento do Prestige fronte á Costa da Morte, polo que “Galicia en Color – Rede de Reencontros 10 anos despois” quere agradecer ao voluntariado da Marea Branca, o seu traballo desinteresado pola recuperación do litoral. Neste senso, o presidente da APTCM, Manuel Pan, explica que “un dos obxectivos do proxecto impulsado pola patronal de turismo é colaborar na coordinación de actividades que xurdan para fomentar o reencontro entre os voluntarios e homenaxealos polo seu esforzo e contribución cunha Galicia chea de colores”. Galicia en Color colabora na organización do encontro de voluntariado que terá lugar pola tarde, despois da xornada de limpeza da ría, e dun xantar compartido entre tódolos participantes. Ao redor as 16:30 voluntarios e voluntarias da Marea Branca reencontraranse na Casa da Cultura de Corcubión onde haberá conferencias sobre a realidade ecolóxica dez anos despois do Prestige. Tamén se realizará un coloquio sobre as experiencias e vivencias durante as tarefas de limpeza e rexeneración de hábitats como consecuencia do naufraxio. O voluntariado chegado de fora poderá pasar a noite no pavillón polideportivo municipal de Corcubión ou nos establecementos adheridos ao proxecto “Galicia en Color” que contan con prezos especiais para os voluntarios. Ao día seguinte visitaranse lugares onde hai 10 anos se realizaron tarefas de limpeza de fuel, e explicarase o seu procedemento. Asoar – Armega e Galicia en Color deixan as portas abertas de participación a tódalas persoas que queiran colaborar na limpeza do fondo mariño de Corcubión ou nas xornadas de conferencias e coloquio que terá lugar pola tarde.

No hay comentarios:

¿BUSCAS ALGUNHA NOVA NO BLOG?