visitas dende o 26 de fevreiro do 2007

26 may. 2012

CHISCO ASEGURA NO PLENO QUE POR AGORA NON DIMITARÁ A PESAR DE SEGUIR IMPUTADO

La voz de Galicia Preto dunha hora durou o debate no pleno de Corcubión sobre as mocións presentadas polos tres grupos por idéntico motivo: que se acaben as obras da autovía. As tres formacións buscaban idéntico obxectivo coas súas peticións, pero cada un presentou e defendeu a súa e ata houbo variedade na proposta de votos. O BNG e o PSOE apoiáronse mutuamente, e o PP, que dixo que se abstería na dos nacionalistas, acabou votando en contra das dos outros dous. Mentres uns acusaban á Xunta de ter paralizada a obra, o PP cargaba contra os dous partidos polos atrasos no inicio desa actuación, asegurando que se seguían os prazos marcados e que estará lista o ano próximo. Houbo críticas cruzadas polos procesos de adxudicación -houbo tres- e dardos entre os partidos, defendendo cada un a súa parcela política. A moción do PP foi, finalmente, rexeitada. «¿Por que non presenta vostede tamén mocións sobre a nave de Protección Civil ou do centro de día?», pregúntolle o portavoz do BNG á popular Gema Freire tras acusala de oportunismo por levar a pleno a proposta despois de decatarse de que eles o ían facer. Freire respondeulle que tiña dereito a presentar cantas mocións quixese. Circular Por outra banda, a portavoz do PP preguntoulle ao alcalde por que lle enviou unha circular advertíndolle de que tomaría medidas se seguía faltando aos plenos. A concelleira -tamén deputada- explicou que só faltara a un e que o xustificou, pero o alcalde respondeulle que se non se daban as causas recollidas na lexislación para motivar a súa ausencia, aplicaríalle o regulamento coas correspondentes sancións. Na sesión houbo dúas mocións nacionalistas máis, unha para esixir o mantemento da axuda no fogar e a outra para defender o ensino público contra os recortes. Ambas foron aprobadas co apoio do PSOE e en ambas o PP votou en contra por considerar falsa a exposición feita polos nacionalistas e pola necesidade de reducir gastos. Empresarios irresponsables Ademais, deuse conta do remanente negativo do peche do pasado exercicio, que deixa números vermellos por 73.000 euros, cifra criticada pola oposición e da que o alcalde dixo que supón a metade do ano anterior. Os nacionalistas recrimináronlle que tratase de cadrar contas con depuracións de saldos, e que se jactara de que as débedas non pagadas eran do 2003. «Os veciños non teñen culpa de quen estea de alcalde, eran pequenas empresas na súa maioría», díxolle Insua. O rexedor apuntou que se non se pagaron foi por irresponsabilidade dos empresarios, que tiñan que ter presentado unha reclamación cada ano para evitar que prescribisen as facturas e non o fixeron. Os dous partidos da oposición preguntaron tamén ao rexedor a que correspondían unha serie de facturas de entre 375 e 2.300 euros. O rexedor confirmou que na súa maior parte eran gastos de avogados e procuradores polos xuízos que mantén o Concello. Os nacionalistas, pola súa banda, criticaron que se aprobase a segregación dunha leira privada para dedicar parte da parcela ao cemiterio, cando o Concello aínda non a adquiriu e a cualificación do chan nese lugar segue sendo rústica, polo que desde o BNG consideran que se pode estar cometendo unha ilegalidade. Tamén lle preguntaron ao rexedor pola súa situación na operación Orquestra, recordándolle o PP que anunciara a súa dimisión se finalmente seguía imputado. O alcalde respondeu que non había ningunha novidade na súa situación e insistiu en que, chegado o momento de ter que ir a xuízo, sería «consecuente» co dito no seu día tras coñecerse a súa imputación no caso.

1 comentario:

Anónimo dijo...

cada vez estou mais convencido de que a poltrona engancha mais que as drojas, por aljo sera, aparte de que temos un alcalde que aparte de non ter personalidade non ten palabra tampouco. Estou canso de estos politiquillos baratos e corruptos, dimite e cumple co pobo

¿BUSCAS ALGUNHA NOVA NO BLOG?